Galego, todo o que buscas

CORRELINGUA 2012


Un ano máis chega o Correlingua. Outra vez para sumar un día máis na memoria dos adultos futuros que un día lembrarán que participaron nunha festa en que a música, o teatro, a maxia... falaban galego, un día en que se xuntaron con outros miles de mozos e mozas e percorreron as rúas da cidade ou da vila con franxas nas que reivindicaban o seu desexo de vivir en galego.

Para uns e unhas, o Correlingua é a data en que se festexa a lingua de todos os días, a da mai, a da avoa, a do mestre e a do tendeiro, a do regato e a do souto. E sen sabelo senten orgullo de ver como a lingua que algúns seguen considerando atrasada está na boca de todos e é obxecto de homenaxe.

Para outros e outras, a actividade será semente, como o foron para os adultos de hoxe as primeiras aulas en galego, os certames literarios do 17 de maio, as cancións de Fuxan os ventos... sementes que quedaron en nós e un día agromaron vizosas, decididas a estenderse ao redor de si.

Por iso desde a organización, a AS-PG, a CIG-Ensino e a Mesa pola Normalización Lingüística , entendemos que o Correlingua é unha actividade extraescolar imprescindíbel, unha actividade necesaria para seguir sumando prestixio, espazo, uso.

Un ano máis convidámosvos a participar porque cómpre seguir reflexionando sobre a necesidade de estender o uso do noso idioma, porque queremos facelo dun xeito lúdico, porque os protagonistas teñen que ser as mozas e os mozos que manterán a lingua viva no futuro.

Nos últimos dous anos as Consellarías e Dirección Xerais que no seu día colaboraran co Correlingua deixaron de prestar o seu apoio, así a Secretaría Xeral de Política Lingüística que nin sequera recibiu os organizadores na pasada edición. Porén esta actitude non é novidade, senón coherencia coa actitude xeral que a Xunta de Galicia ten co noso idioma: ocultación, negación, ataque permanente.

A falta de apoio da Xunta non minguou en nada a actividade, que seguiu medrando na participación dos centros escolares e do alumnado. O Correlingua continúa co apoio de concellos e dalgunhas das Deputacións e  entre todas e todos podemos facer que a participación sexa aínda maior e será a mellor resposta para quen se nega a apoiar o noso idioma.


GALEGO, todo o que buscas!

Correlingua 2012

INSCRÍBETE AQUÍ





Xa está en marcha o Correlingua 2012!
 

Festas finais

Espectáculos de maxia para todas as idades, música galega co galioke, e os grupos gañadores
do cantalingua, farán coa nosa lingua como centro da festa, o Correlingua máis divertido.

Concursos

Ademais das novidades deste ano co concurso de vídeo e o Galeoke, continuamos cos xa clásicos concursos para escollermos o manifesto do Correlingua que será lido en todas as festas, e de Banda Deseñada

Manifesto: destinado ao alumnado de Secundaria. Ademais do premio manifesto gañador será lido nos 16 Correlinguas que percorrerán o país no mes de maio.Descarga aquí as bases do concurso de Manifesto 2012.

Banda Deseñada: destinado ao alumnado de Infantil e Primaria. As BDs finalistas serán colgadas na web do Correlingua. Descarga as bases do concurso de Banda Deseñada 2012.

Concurso de video

Eu falo galego porque... Esta é frase coa deberán comezar os videos. A duración máxima debe
ser de tres minutos. Estes videos serán colgados na páxina web do Correlingua e en diferentes
redes sociais (facebook, tuenti, twiter...). Os videos finalistas serán proxectados no acto de
presentación do Correlingua, e haberá premio para o grupo gañador. Podedes enviar os videos a
correlingua@gmail.com até o 1 de abril.

Consulta aquí as bases do concurso de video.


Cantalingua: volve o concurso musical do Correlingua. Obxectivo atopar os mellores grupos para actuar nas festas finais do Correlingua. Anímadevos a participar! 
cliquea na imaxe para descargares ou ouvires as cancións a concurso.



 



 
Galeoke

Así falan os autores do vídeoxogo que está a revolucionar Galiza, o primeiro no mundo das súas características feito nunha lingua minorizada: 
Galiza é un país de artistas, iso é así. Non hai sobremesa, romaría ou festa de colegas que non remate a entoar
algún dos grandes éxitos da nosa música popular.
Que é o que faltaba? Facer diso un xogo. E nós non inventamos nada, claro que non, pero démonos de
conta (como todas e todos vós) de que coas ferramentas xa existentes non nos identificabamos en absoluto. 
Mais se nen sequera lle sabemos pronunciar ben o nome!
E de aí saiu a idea do Galeoke, da necesidade de encher un deses moitos ocos que aínda ten a nosa lingua.




A diversión a través da música está garantida con este videoxogo integramente en galego. 

O Correlingua promove un concurso de karaoke utilizando a última novidade tecnolóxica en galego.

Nas festas finais do Correlingua de cada comarca poderán participar as mellores galeokeiras e galeokeiras!


Ao longo do curso iremos enviando máis información das novidades que iremos incorporando ao Correlingua 2012.
Lembra a conveniencia de se aprobar a participación do teu centro no Correlingua no Consello Escolar.



Últimas actualizacións:

Visite o último gañador/a do himno 21/06/2006 Visite o último gañador/a do manifesto 11/04/2011 Visite o último gañador/a da banda 11/04/2011 Consulta o calendario de A Barbanza 29/09/2008 Consulta as últimas actualizacións do taboleiro 29/01/2007 Consulta as últimas actualizacións das ferramentas 31/03/2011