PROPOSTA DIDÁCTICA
CORRELINGUA 2002
FALA NON CALES

 

1.- Un día na miña vida
2.-
Imos traballar AGORA A HISTORIA NA NOSA LINGUA.
3.-
Dramatizamos o seguinte texto na aula: TELENOVELA: POLA BOCA MORRE O PEIXE.
4.-
A LINGUA e AS FRASES FEITAS.

1.- Un día na miña vida.

OBXECTIVO
Reflectir sobre a presencia do galego na nosa vida cotiá.

CONTIDO
Os/As rapaces/zas deben facer un guión no que aparezan as tarefas que fan un día normal; en todo caso, pode ser unha boa idea optarmos polo venres, pois ademais de asistiren a clase teñen á tarde tempo para saír cos amigos/as e, polo tanto, tempo para o ocio. A través dos diálogos que utilicen e das súas indicacións poderemos ver que linguas están presentes nas súas vidas.

EXEMPLO
Ola, eu son Daniel; ¡que noxo! O espertador acaba de soar "son las 8:00 horas" repite insistentemente. Ao me levantar acendo sempre a radio, normalmente poño música, os 40, está a soar Queen "We are the champions". Dúchome e almorzo. Baixo e está o Uxío, tan puntual como sempre, "¡que hai, tío!. Veña, que perdemos o autobús! E aínda temos que comprar unhas lambetadas no quiosco da Marisa. Camiño do colexio, desde a ventá do autobús, vexo novamente o indicador da estrada "Sarandones". Pasamos por diante das tendas de sempre: a mercería "El botón", o mesón "As capelas", a xoiería "El dorado" ... E por fin a nosa escola. O timbre de entrada ráchame os tímpanos. Cando subo as escaleiras, acórdome que quedara de mandarlle unha mensaxe á moza "Yoli, quedamos a las 10 en el recreo". Primeira hora, a pelmazo de mate xa entrou e xa está largando "As fraccións...". Afortunado eu que son dos poucos que ten unha profe de mate que me dá as clases en galego...

(Continuaría o seu relato describindo que linguas lle chegan cando pon a tele, ou vai coller unha película no vídeo, ou vai ao cíber, ou a música da discoteca, le un cómic, un xornal... Percibiremos se consideran que o galego está pouco/moi/algo presente nas súas vidas; se consideran que poden pasar días sen practicamente oír falar, ver o galego...)

Ao final dos respectivos guións indicarán en que ámbitos perciben que o galego está máis presente, aqueles nos que practicamente non aparece, etc.

2- Imos traballar AGORA A HISTORIA NA NOSA LINGUA.

Formade varios grupos en cada aula. Coa axuda do profesor/a elixide cada grupo un período da historia da lingua (por exemplo un grupo elixe a época das Irmandades da Fala). Seleccionade aqueles datos, personaxes, feitos... que vos parecen máis relevantes. A continuación facede unha banda deseñada sobre ese período (pode ser en cartolina, en A-3) como prefirades.

A banda deseñada é , fundamentalmente, un recurso narrativo, unha maneira de contar algo. Baséase na síntese da linguaxe verbal e icónica, isto é, de palabras e imaxes. Trataríase de elaborar cadansúa tira de banda deseñada que explique a historia da lingua, os elementos fundamentais que se queiran contar. Se nos centramos nunha etapa ou período, faremos o mesmo.

Unha vez saibamos o que queremos contar, podemos esbozar un breve guión técnico, seguindo unha ficha como esta:

 

GUIÓN TÉCNICO

VIÑETAS

DESCRIPCIÓN

DIÁLOGOS E TEXTOS

OUTROS RECURSOS

Nº 1

Nº 2

Nº 3

...

¿que, quen aparece?

¿que plano escoller?

¿que ángulo de visión?

¿que tipo de globos poñer?

¿cal é o texto/expresión que aparece?

¿onomatopeas?

¿textos de apoio?

¿Indicar o movemento dos personaxes, etc...?

¿utilizaranse debuxos ou signos para suxerir algo?

 

 

Para a montaxe e realización gráfica débese escoller se se vai facer unha tira, unha placa... Logo hai que comezar co debuxo a lapis, rotulando e póndolle cores, se o cres necesario, ao final de todo o proceso.

3- Dramatizamos o seguinte texto na aula: TELENOVELA:

POLA BOCA MORRE O PEIXE

Voz en off: Nos episodios anteriores coñecemos os nosos tres protagonistas, Carlos Alberte, Fernando Xosé e Mariano Afonso. Tres irmáns que foron felices ata a súa adolescencia na súa vila natal. Eles eran galegofalantes e nunca tiveron problemas pola lingua. Mais un día Fernando Xosé escoitoulle dicir ao ligón da súa vila que se seguían a falar galego terían problemas para conquistar moza. No último capítulo os nosos protagonistas subiron ao autobús que os conducirá á Party. A continuación o último episodio de "Pola boca morre o peixe".

(Dentro da discoteca)

(MÚSICA)

Carlos Alberte: Viches que muller Mariano Afonso.

Mariano Afonso: ¡Que tía!.

Fernando Xosé: Quedos lobos, que aquí estou eu.
(Dirixíndose á rapaza)
¡Que tal vai todo, moza! Coido que ti e mais eu xa nos coñecemos de vello.

Vanesa: ¡Ui, no lo creo! Yo no me relaciono con montañeses.

Fernando:Ai, o demo! ¿E logo ti xa sabes de onde son eu?

Vanesa: Pues claro, na más oírte, bueno na más te ver.

Fernando: ¡E logo que pasa, non vexo que leve un arado tatuado.

Vanesa: Pero si hablas gallego como las vacas.

Fernando: Falo galego como os galegos. ¡Esta éche boa! E ti, ¿de onde es?

Vanesa: Yo te soy del Mesón del Viento, auntamiento de Órdenes. Allí ya
hace muchos años que te conocemos el castellano. Así que, viento fresco, palurdo.

Carlos: Que, ¿qué tal che foi? Eu non sei a que te paraches tanto a falar e non lle fincaches o dente.

Fernando: O dente non, ensineille a lingua e non che lle gustou nada. Aquí sonche xente moi fina, e vai ter razón o ligón do Jorgue, se queremos mozas teremos que falar castelán.

Mariano: Teño unha idea. ¿Vedes ese grupo de mozas? (Eles asenten) Oímos o que din e despois dicímosllelo nós a elas.

Fernando e Carlos: ¡Que boa idea, macho! ¡A repera, tío!

CÉRRASE O PANO

(Tres rapazas estarán falando en baixo e cada un deles irase achegando a orellar o que din)

(Música)
Carlos: Xa está, xa lles escoitei unha frase, "Nosotros", agora xa sei falar o castelán.

Mariano: Agora tócame a min. Desexádeme sorte, levo o corazón nun puño.

(MÚSICA)
(Ponse a carón deles e volve correndo). Ai o que dixeron, foivos moi bonito, aprendín a dicir, "Ahora mismo".


Fernando: ¡Que barbaridade! E semella fácil esa lingua. Pois eu non quedo sen a miña frase. ¡Hoxe non vai haber quen me pare!.

(Vaise orellar igual que os outros). ¡Ui o que aprendín! ¡É moito! Díxoa un e os outros escarallábanse. Eu xa sei dicir "Yo me maro".
Mirade que tres cativas hai alí. Veña, ímoslles entrar.


Rapaza 1: Te lo juro, si lo cojo le parto la cara. Porque estábamos a oscuras. Tocarme el culo a mi cuando bailo, ¿quién sería ese mamarracho?

Carlos: (Dirixíndose ao público) Aí vou eu. Nosotros.

Rapaza 2. ¿Qué fuisteis vosotros? ¿Quereis que llamemos a seguridad?

Mariano: (Que ben entenderon o meu irmán, esta é a miña). Ahora mismo.
(As rapazas poñen cara de cabreo. Unha delas vaise avisar a seguridade)
Ostias, xa marchou polos abrigos. Isto funciona. Que ben nos vai co castelán.

Seguridade: ¿Foron estes rapaces?; veñan connosco, agora mesmo vén a policía e chantámosvos unha denuncia.

Fernando: ¡Yo me maro!

Seguridade: Aínda por riba burla da autoridade. ¡Ao cárcere con eles!

(Cérrase o pano)

Voz en off: Despois disto os nosos protagonistas foron detidos e pasaron 1 ano na cadea. Nunca máis volveron cometer a aldraxe de deixar a súa lingua pola allea. Carlos Alberte casou aos 25 con unha rapaza do Brasil que coñeceu gracias ao galego. Mariano Afonso foi chamado pola vocación e fíxose cura, un cura galego, dos que aplican o Concilio Vaticano II e lle falan á xente na súa lingua. Fernando Xosé é o único que lle ten que agradecer algo ao castelán, pois encontrou mozo no cárcere, se ben é de Muros e entre os dous enxérguense sempre en galego.

(Adaptación de Anxo Gómez do conto de Ben-Cho-Sei)


FIN

-¿Que elementos da realidade atopas neste texto?
-¿Coñeces a xente que teña a mesma actitude que algúns dos personaxes?
-¿A que coidas que se debe?
-Realizade un debate atendendo ás respostas das preguntas anteriores.


4.- A LINGUA E AS FRASES FEITAS.

No texto dramático que acabamos de ler aparecen expresións que poderiamos chamar da linguaxe xuvenil tipo "mararse" (rir moito). Continuamente na nosa lingua imos perdendo expresións propias e utilizando cada vez máis aquelas que nos veñen impostas desde o castelán, desde refráns a ditos populares ou esta xerga xuvenil. Imos facer agora uns graffitis coas palabras, refráns e expresións que coñecen os alumnos/as. Por exemplo "o kelo" (a casa), "de tal palo tal astilla"... Interésannos para que busquen eles/as a expresión apropiada en galego (agora mesmo podemos utilizar os diccionarios de A Nosa Terra e de Ir Indo de frases feitas, por exemplo). Caso de non encontrarmos nos diccionarios unha frase axeitada podemos creala nós. Trataríase de facer agora outro mural coas expresións adecuadas na nosa lingua e de traballármolas como queiramos. Os castelanismos léxicos están devastando a nosa lingua e moitas veces non lles damos tanta importancia.