Voltar a Outras Actividades

 

ANÁLISE DOS INQUÉRITOS ELABORADOS POLA CIG-ENSINO E A AS-PG SOBRE O CUMPRIMENTO DO DECRETO 247/95 NOS CENTROS PÚBLICOS DE ENSINO NON UNIVERSITÁRIO DE GALIZA

 

A Confederación Intersindical Galega do Ensino (CIG-Ensino) e a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega (AS-PG) realizamos un cuestionário nos centros públicos de Galiza no ensino non universitário para coñecermos o estado actual da normalización lingüística, nomeadamente o cumprimento do Decreto 247/95, que estabelece as matérias que é obrigatório impartir no noso idioma.

O cuestionário que achegamos foi cuberto por 100 centros que imparten Infantil e Primária, por 34 que imparten Infantil, Primária e ESO e por 127 que imparten ESO e ESPO, en total 261. Estes centros teñen matriculados/as 101.672 alunos/as, representan a 4.611 unidades e neles imparten clase 9.715 profesores/as.

 

DAS RESPOSTAS DADAS POLOS CENTROS DESPRENDE-SE:

 

ENSINO OBRIGATÓRIO

 

INFANTIL E 1º CICLO DE PRIMÁRIA

 

Nestes níveis educativos procesaron-se os dados de 759 unidades cun total de 11.168 alunos/as, correspondentes a 130 centros.

O 53,5% dos centros ten como língua predominante o galego e só o 17,8% imparte as aulas en galego.

O 91,5% dos centros que imparten Infantil e 1º ciclo de Primária e nos que o idioma habitual do alunado é o galego, non cumpren o Decreto, que estabelece que nestes niveis educativos “usarán na clase a língua materna predominante entre o alunado”. É dicer, somente asumen na prática esta normativa o 8,5% deses centros.

Se catalogamos os centros en rural, semi-rural e urbano, observamos que nas aulas dos centros semi-rurais e urbanos, que declaran que o alunado ten como idioma habitual o galego, en nengun se cumpre o Decreto.

O 29,6% do alunado de Infantil e Primária dos centros urbanos non recibe nengunha ou menos de 5 horas en língua galega á semana. O 27,9% do alunado de Infantil e Primária non recibe nengunha ou menos de 5 horas en língua galega á semana e eleva-se ao 52,9% nos centros dos núcleos urbanos. En Infantil esta porcentaxe chega ao 35,2%.

 

2º E 3º CICLOS DE PRIMÁRIA

 

Nestes ciclos procesaron-se os dados de 787 unidades cun total de 13.869 alunos/as, correspondentes a 129 centros.

É nestes níveis educativos nos que máis se cumpre a normativa de impartición das aulas en galego. Ainda asi, o 21,3% dos centros non cumpre o Decreto de mínimos. Este incumprimento alcanza o 32,2% dos centros ubicados nos núcleos urbanos.

As províncias nas que menos se cumpre son as da Coruña e Pontevedra, cun 25,8% e un 21,5%, respectivamente.

Nos centros que incumpren o Decreto, o 71,4% imparte en castelán o Coñecimento do Médio. É dicer, unicamente un 28,6% imparte esta matéria en galego.

Naqueles centros que imparten en galego os mínimos exixidos, a parte de impartir o Coñecimento do Médio, declaran impartir en galego: Matemáticas o 60,6%; Relixión o 64,4%; Educación Física o 71,2%; Música o 79,1% e Língua Extranxeira o 42,0%. Como podemos observar, a maoiria opta polas matérias que teñen menos carga lectiva (Música, Educación Física ou Relixión).

 

EDUCACIÓN SECUNDÁRIA OBRIGATÓRIA (E.S.O.)

 

Nesta etapa educativa procesaron-se os dados de 1.693 unidades cun total de 40.339 alunos/as, correspondentes a 156 centros.

Ainda que o Decreto impón que ademais de impartir en galego as Ciéncias Sociais e Ciéncias da Natureza, ten-se que impartir a optativa que oferte o centro mais as Ciéncias Medioambientais e da Saúde, consideramos que aqueles centros que imparten en galego calquer das optativas ofertadas, se ademais imparten as Ciéncias Sociais e Ciéncias da Natureza en galego cumpren o Decreto.

Tendo en conta os parámetros anteriores, somente o 22,9% dos centros cumpren o estipulado na normativa actual, fronte ao 77,1% que non o fan. Nos centros urbanos, somente supón o 7,1% os centros que respeitan o Decreto.

Nos centros nos que non se imparten tanto as Ciéncias Sociais como as Ciéncias da Natureza na sua totalidade en língua galega (incumpren, polo tanto o Decreto) observamos que: o 47,7% dos centros imparten as Ciéncias Sociais en galego, o 30,6% as Ciéncias da Natureza, unha das optativas no 5,2% e a outra optativa nun 8,5%.

Nos centros nos que se cumpre co estabelecido legalmente para a normalización lingüística, a parte de impartir o 100% en galego as Ciéncias Sociais e as Ciéncias Naturais, imparten-se en galego unha das optativas no 53,1% e a outra optativa no 92,6%.

Canto máis urbano é o centro, menor é a normalización lingüística. Nos centros rurais, o 59,3% non cumpren os mínimos estabelecidos. Esta porcentaxe acada o 87,2% nos centros semi-rurais, chegando ao 92,9% nos centros ubicados nos núcleos urbanos.

As matérias que no Decreto veñen determinadas como de obrigada impartición en língua galega acadan unha porcentaxe moito máis alta de cumprimento que as que están sen definir. Asi, as Ciéncias Sociais imparten-se en galego no 81,6% das unidades. Nos centros das cidades só supón o 64,9%. As Ciéncias da Natureza imparten-se en língua galega no 75,5% das unidades, mentres esta porcentaxe se ve rebaixada ao 58,8% nos centros urbanos.

 

ENSINO POST-OBRIGATÓRIO

 

BACHARELATO

 

Nesta etapa procesaron-se os dados de 394 unidades cun total de 10.256 alunos/as, correspondentes a 96 centros.

Por moi surprendente que pareza, somente o 12,5% dos centros cumpren o Decreto 247/95, fronte ao 87,5% que non o fan. Esta porcentaxe, nos centros ubicados nos núcleos urbanos alcanza o 96,8% de incumprimento, fronte ao 3,2% dos centros que o cumpren. A cota de cumprimento incrementa-se moi moderadamente nos centros semi-rurais (18,9%) e rurais (14,3%). É dicer, o 85,7% dos centros ubicados no rural, o 81,1% dos centros de núcleos semi-rurais e o 96,8% dos urbanos non cumpren a normativa en matéria de normalización.

O incumprimento estende-se de forma semellante polos centros das catro províncias (76,9% en Lugo, 85,7% en Ourense, 89,2% en Pontevedra e 89,7% na Coruña). Somente Lugo acada unha cota de cumprimento un pouco maior (23,1%) fronte ao 14% de Ourense, 10,8% de Pontevedra e 10,3% da Coruña.

Analisando por separado 1º e 2º de Bacharelato, xa que 2º non está xeneralizado neste ano académico, podemos observar que no 1º curso incumpren o decreto o 87,5% dos centros. No 2º curso reduce-se ainda máis a porcentaxe de impartición en língua galega, pois somente o 9,7% dos centros cumpren o Decreto. É dicer, o 90,3% non cumpren coa obriga de impartir todas as matérias prescritas en galego.

En 1º de Bacharelato os centros que declaran impartir en galego as matérias de obrigado cumprimento son:, o 45,1% dos centros imparte Filosofia; o 46,8% Ética e Filosofia do Dereito; o 54,7% Bioloxia e Xeoloxia; o 63% Tecnoloxia Industrial I; o 54,3% História do Mundo Contemporáneo; o 47,1% Debuxo Técnico.

No 2º curso, os centros que declaran impartir en galego as matérias de obrigado cumprimento son: o 72,4% dos centros imparten História; o 84,2% História e Xeografia de Galiza; o 50% Introdución ás Ciéncias Políticas e Sociais; o 41,7% Debuxo Técnico; o 65,2% Ciéncias da Terra e Medioambientais; o 50% Tecnoloxia Industrial II; o 60,9% História da Filosofia; o 58,3% História da Arte e o 78,3% Xeografia.

 

CURSO DE ORIENTACIÓN UNIVERSITÁRIA

 

Neste curso procesaron-se os dados de 227 unidades cun total de 7.160 alunos/as, correspondentes a 58 centros.

Dos centros que imparten COU, o 70,4% incumpren a normativa actual en matéria de normalización lingüística, xa que, ou ben non imparten en língua galega as matérias estabelecidas ou ben non teñen o libro de texto en galego ou incumpren as duas á vez.

É dicer, somente o 29,6% dos centros que imparten COU cumpre o Decreto 247/95. Se temos en conta o médio (rural, semi-rural e urbano) podemos observar que o incumprimento é moito maior nos centros urbanos. Mentres nos centros ubicados no rural, incumpre-se nun 42,9% (o 35,7% non imparte en galego as aulas de obrigada impartición e o 36,4% non ten libro de texto en galego), nos semi-rurais son un 70,6% os que non cumpren. . No 87,0% dos centros urbanos non se cumpre o Decreto (o 73,9% non imparte as aulas estabelecidas en língua galega e o 72,2% non ten o libro en língua galega).

 

Desprende-se dos dados facilitados polos centros que, en xeral, o material ou libro de texto está en español nunha porcentaxe máis alta que o incumprimento do Decreto por non impartir as matérias en galego.

Chama a atención que, ainda que o incumprimento é xeneralizado en todo o país, son aquelas províncias máis povoadas e “urbanas” as que mostran unha maior porcentaxe de incumprimento: A Coruña, co 65,4% e Pontevedra co 85,7%.

O Decreto 247/95 impón a obrigada impartición en galego de duas matérias entre as seguintes: Matemáticas, Filosofia, Física e História do Mundo Contemporáneo. Declaran impartir en galego o 32% dos centros a História da Filosofia, o 23,5% as Matemáticas, o 32,7% a Física e Química e o 53,2% a História do Mundo Contemporáneo.

 

FORMACIÓN PROFESIONAL

FORMACIÓN PROFESIONAL 2º GRAO

Neste nivel educativo procesaron-se os dados de 129 unidades cun total de 3.054 alunos/as, correspondentes a 30 centros.

O 69,0% dos centros que imparten este nível educativo non cumpren o Decreto 247/95.

Este incumprimento vén dado porque no 48,3% dos centros non se imparten en galego as matérias estabelecidas e porque nun 85,0% os libros ou materiais destas áreas non están en galego.

Nos centros urbanos, o incumprimento acada o 71,8%, fronte ao 57,1% dos centros rurais.

 

CICLOS FORMATIVOS

Nesta etapa educativa procesaron-se os dados de 227 unidades cun total de 4.442 alunos/as, correspondentes a 46 centros.

O critério seguido nesta etapa, ao non estar fixado no Decreto os módulos que se deben impartir en língua galega, foi o de estabelecer unha rátio tanto polos módulos que se imparten en galego respeito ao total, como polo nº de horas en galego respeito á carga lectiva total, resultando que:

- No 12,3% dos ciclos formativos nengun módulo se imparte en língua galega.

- No 26,9% dos ciclos imparte-se menos do 25% dos módulos en galego.

- No 63,2% dos ciclos imparte-se menos da metade dos módulos en galego.

Considerando a ratio de carga horária impartida en galego:

- No 7,0% dos centros non se imparte nada en língua galega.

- No 30,3% dos centros imparte-se menos do 25% da carga lectiva en galego.

- No 58,2% dos centros imparte-se menos do 50% das clases en galego.

Somente en 5 famílias profisionais, dun total de 22, hai algun ciclo formativo no que se imparte en galego máis do 50% dos módulos (Actividades Agrárias, Fabricación Mecánica, Indústria Alimentária, Mantemento de Veículos, Automoción e Mantemento de Servizos á Produción).

Hai famílias profisionais como son Química, Sanidade e Servicios Socioculturais e á Comunidade, que nen sequer alcanzan o 14% do ensino en galego.

 

CONCLUSIÓNS:

 

No ensino Infantil e 1º ciclo de Primária. O 91,5% dos centros que imparten Infantil e 1º ciclo de Primária e nos que o idioma habitual do alunado é o galego non cumpren o Decreto. O 53,5% dos centros ten como língua predominante o galego e só o 17,8% imparte as aulas en galego.

2º e 3º ciclos de Primária. O 21,3% dos centros non cumpre o Decreto de mínimos.

Educación Secundária Obrigatória. O 77,1% dos centros non cumpren o estipulado na normativa actual, fronte ao 22,9% que si o cumpren.

Bacharelato. O 87,5% dos centros non cumpren o Decreto 247/95, fronte ao 12,5% que si o fan.

Curso de Orientación Universitária. Dos centros que imparten COU, o 70,4% incumpren a normativa actual en matéria de normalización lingüística.

Formación Profesional 2º grao. O 69,0% dos centros que imparten este nível educativo non cumpren o Decreto 247/95.

Ciclos formativos:

- No 63,2% dos ciclos imparte-se menos da metade dos módulos en galego.

 

- Impón-se un cámbio rotundo na política lingüística deseñada pola Dirección Xeral de Política Lingüística, que conleve, como mínimo, o cumprimento en todos os centros da lexislación de mínimos estabelecidos para a normalización lingüística no ensino, é dicer, o estrito cumprimento do Decreto 247/95 para o curso 2001/2002.

- Como consecuéncia do estudo elaborado no curso 1998-99, a própria Consellaria non tivo máis remédio que asumir o fracaso da sua política lingüística, despois de que os próprios centros recoñecesen o incumprimento dos mínimos estabelecidos. É preocupante que, desde aquela, a Consellaria non emprendera nengunha medida para emendar a sua política lingüística no ensino. O incumprimento deste Decreto, que é de mínimos, pois nen sequer lle dá o mesmo trato á língua própria de Galiza que ao español, amosa o total desleixo e desconsideración da Consellaria de Educación co noso idioma.

- Os dados deste estudo veñen corroborar o total fracaso da política língúistica da Xunta. A escola segue a ser unha institución altamente españolizadora. Do cuestionário conclue-se que o alunado chega á escola falando en galego en maior medida que o fai durante a sua estadia escolar e xa non digamos ao abandonar o sistema educativo.

- Despois de máis de 5 anos da publicación de dito Decreto e de máis de 18 da Lei de Normalización Lingüística, o ensino continua a ser maioritariamente en español. Este estudo vén confirmar, máis unha vez, como todo o entramado administrativo da Consellaria de Educación, desde o próprio Sr. Conselleiro pasando pola Dirección Xeral de Política Lingüística, até a própria Inspección, están empeñados en que a normalización lingüística no ensino, en lugar de avanzar, retroceda. Os dados veñen avalar esta afirmación, pois amosan un maior incumprimento do Decreto 247/95 a respeito do estudo elaborado pola Consellaria hai dous cursos.

- Mención especial merece a conducta da Inspección Educativa que, a pesar de ter o mandato, segundo o artigo 11 do Decreto 247/95, de velar polo cumprimento do mesmo, é cómplice e permisiva, ás veces mesmamente promotora desta situación. Permitiria a Consellaria e a Inspección pasar por alto o incumprimento sistemático doutras obrigas educativas por parte dos centros?.

- Canto máis urbano é o centro, máis se incumpre o Decreto, cando o esforzo neste ámbito teria que ser ainda maior para que o galego recuperase os usos que lle corresponden como língua oficial de Galiza.

- O cumprimento do Decreto é maior nos níveis educativos onde están estabelecidas as matérias concretas que se teñen que impartir no noso idioma e menor naqueles nos que o número de matérias que se deben impartir en galego é maior.

- Se preocupante e desolador é o incumprimento maioritário nos centros públicos da normativa de mínimos para a normalización lingüística, moito maior é, sen lugar a dúbidas, no ensino privado. Non contamos con dados destes centros , por ser-nos imposíbel aceder a eles. Pero é patente e óbvio que a impartición das aulas en língua galega é insignificante. Moito menor que nos centros públicos. A Consellaria nunca facilitou dados, por non atrever-se a confirmar o total incumprimento da actual lexislación.

- É lamentábel que teñamos que ser nós quen asumamos desempeñar as funcións que lle corresponden e está obrigada a realizar a administración educativa. O idioma para esta administración non conleva nengunha obriga.

 

 

MEDIDAS URXENTES PARA A NORMALIZACIÓN LÍNGÚISTICA NOS CENTROS

 

No camiño de invertir a actual situación, é urxente tomar as seguintes medidas:

 

- Negociar un plano de normalización do galego no ensino, orientado a conseguir a plena normalización do noso idioma neste eido. De maneira imediata debemos exixir o cumprimento estrito do Decreto 247/1995, concretando as matérias de obrigada impartición en língua galega naqueles níveis nos que non están fixadas ou están incompletas:

Infantil:

Este nível educativo impartirá-se totalmente en galego cando a língua ambiental, familiar e/ou do entorno do centro do alunado sexa maioritariamente o galego.

Cando a língua ambiental, familiar e do entorno do centro do alunado sexa o español, o galego terá, como mínimo, unha presenza de 10 horas semanais, con diferente profesor/a.

Primária:

Impartirá-se en galego, como mínimo, Coñecemento do Médio Natural e Social, Matemáticas e outra área a determinar.

ESO:

Ademais das estabelecidas (Ciéncias da Natureza, Ciéncias Sociais) deberian impartir-se en galego Matemáticas, Tecnoloxia e todas as optativas.

 

Bacharelato:

 

Todas as optativas e unha matéria própria da modalidade máis por curso das que están estabelecidas. É dicer: 2 próprias da sua modalidade, 1 comun e todas as optativas.

FP:

Como mínimo, o 50% dos módulos dos ciclos formativos e mais FOL.

 

Formación do profesorado

Estabelecimento de planos plurianuais de formación para o conxunto do profesorado co obxetivo de acadar a plena normalización, que contemplen como mínimo:

*      Formación en galego para mellorar a capacitación do profesorado mediante formación específica en cada unha das matérias do currículo. Os cursos por áreas e específicos realizarán-se por centros e comarcas, parcialmente no horário lectivo.

*      Programas de formación que estendan o coñecimento da nosa cultura, sociedade, história, sociolingüística, economia, etc., para todo o profesorado.

Aceso e mobilidade

*      En todos os procesos selectivos e de aceso á función pública, o profesorado estará obrigado, como mínimo, a realizar unha das probas en língua galega, na que terá que mostrar competéncia oral e escrita.

*      Paulatinamente, nun prazo non superior a 5 anos, todas as áreas terán perfil lingüístico de impartición en língua galega.

*      No próximo concurso de traslados, todas as áreas de obrigatória impartición en língua galega, sairán a concurso co perfil de impartición en galego.

Médios e recursos didácticos

*      Dotación aos centros de materiais complementários, produción videográfica, audiovisual, informática, documental, científica e de carácter comercial, gravacións, etc.

*      Fornecer as bibliotecas de libros en galego. Publicación de libros de texto e de materiais en galego para todas as matérias e de material didáctico en galego, aplicábel nas diferentes áreas

*      Axudas para a criación de material didáctico en galego.

Criación dunha Inspección de normalización, suficientemente dotada tanto no aspecto lexislativo como no dos médios, que teña por principal fin a vixiáncia do cumprimento do conxunto normativo, asi como o apoio e asesoramento para cantas iniciativas de galeguización e normalización poda haber.

Extensión das Equipas de Normalización Lingüistica (ENL) a todos os centros públicos e privados e apoio técnico para realizar as suas funcións con maiores dotacións económicas e materiais.

 

Santiago, xuño de 2001

MATÉRIAS QUE, SEGUNDO O DECRETO 247/95,

SE TEÑEN QUE IMPARTIR OBRIGATORIAMENTE EN GALEGO

 

NÍVEL

ÁREAS

Educación Infantil

1º ciclo Primária

- Utilizará-se a língua materna predominante entre o alunado.

2º ciclo Primária

3º ciclo Primária

-Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural.

-Outra área.

Educación Secundaria Obrigatoria (E.S.O.)

-Ciencias Sociais, Xeografía e Historia

-Ciencias da Natureza

-Ciencias Medioambientais e da Saúde

-A optativa ofertada polo centro

1º curso Bacharelato

-Filosofía (común)

-Bioloxía e Xeoloxía (Bacharelato de Ciencias da Natureza e da Saúde)

-Tecnoloxía Industrial I (Bach. Tecnolóxico)

-Historia do Mundo Contemporáneo (Bach. de Humani-dades e Ciencias Sociais)

-Debuxo Técnico (Bach. de Artes)

2º curso Bacharelato

-Historia (común)

-Ciencias da Terra e do Medio ambiente e Debuxo Técnico (B. Ciencias da Natureza).

-Tecnoloxía Industrial II e Debuxo Técnico (Bach. Tecnolóxico).

-Xeografía, Historia da Arte, Historia da Filosofía (Bach. de Humanidades e Ciencias Sociais)

-Historia da Arte (Bach. de Artes)

Bacharelato (optativas)

-Ética e Filosofía do Dereito (1º curso)

-Introducción ás Ciencias Políticas e Socioloxía; Historia e Xeografía de Galicia (2º curso)

Curso de Orientación Universitaria (COU)

Dúas materias entre: Filosofía, Matemáticas, Física, Historia do Mundo Contemporaneo

Formación profesional de segundo grao (FP2)

Dúas materias entre: Formación Humanística, Tecno-loxía; Prácticas, Matemáticas

Formación profesional específica de grao medio e superior (Ciclos Formativos)

Áreas de coñecemento teórico-práctico que faciliten a integración socio-laboral do alumnado

Voltar a Outras Actividades