Voltar a Outras Actividades

 

Textos do Padre Sarmiento

 

 

                                                           I

Non poucas veces clamei e declamei, por boca e por escrito, contra a notoria barbarie e visíbel fatuidade dos maxistrados de Galiza, que toleran que aos seus nenos, nacidos, criados e existentes neste populoso reino, se lles ensine na lingua castelá, que é tan estraña para os nenos galegos como é o mesmo latín. Os nenos portugueses aprenden o latín pola lingua portuguesa reducida a Arte Gramática que escribiu o Padre Benito Pereira, e que eu teño.

O neno francés, italiano, inglés, flamengo, alemán, estudia o latín a través da súa lingua vulgar que mamaron. ¿E por que o neno galego non ha facer o mesmo? Moi doutro xeito, diferente e superior, entenderá o neno as cousas e voces latinas, se llas explican na súa lingua nativa, que explicadas en lingua que xamais ouviu e que non pode penetrar nin a propiedade, nin a conexión nin a correspondencia.

 

                                               II

 

Dirán algúns que todo canto dixen para introducir e promover en Galiza a lingua galega, que actualmente se habla e non se escribe, ou é un fantástic paradoxo ou vai fundado no aire. Dirán, pois, que a lingua galega nin ten gramática nin dicionarios nin hai cousas escrita nesta lingua. Esta razón supón en falso que non hai escritos en galego. Se se revolveren os arquivos acharanse neles máis escritos en galego que en castelán.

O cancioneiro de D. Afonso o Sabio que contén as súas coplas en galego puro. A Crónica Xeral que chaman a galega, coetánea da Crónica Xeral de España. Nos arquivos consérvanse carros de escrituras en galego, de foros, arrendamentos, doazóns, compras, apeos, etc; e nos oficios dos escribáns haberá moitos máis instrumentos escritos en galego puro antes de Carlos V. A Gramática poderá substituírse pola portuguesa do Padre Pereira mentres non se fai cousa nova e os vocabularios servirán de moito o do Padre Bluteau e para onomástico o do Padre Pacheco.

Despois da lei de Don Afonso o Sabio, que mandou que todos os instrumentos se escribisen non en latín, senón en vulgar castelán, todos se escribiron en Galiza e en galego até Carlos V. ¿E por que se omitiu isto? Direi a miña conxectura. En tempo dos Reis Católicos incorporáronse os Maestrazgos das Ordes Militares na Coroa. Sucedeu a reforma dos monxes negros á que a dos monxes brancos precedera no ano de 1440. Con esta ocasión inundouse Galiza de homes non galegos e casteláns; merinos, xuíces, escribáns, curas de almas, etc., eran provisións de casteláns e a penas se daba algún emprego aos galegos naturais.

 

                                               III

 Esta monstruosidade é máis visíbel nos empregos eclesiásticos. Non sei como toleran os bispos que curas que non son galegos nin saben a lingua teñan emprego ad curam animarum e, sobre todo, a administración do Santísimo Sacramento da Penitencia. ¿Que é o coloquio dun penitente rústico e galego e un confesor non galego, senón un entremés de xordos? Haberá quince días que un cura galego natural me dixo que, confesando a unha galega, esta lle dixo que xa se confesara antes cun castelán, pero que non pensaba que fose confesión porque nin o castelán entendeu á galega nin esta ao castelán.

O verbo trebellar, en galego, de tripudiare, sempre significa in malam partem e dista 100 leguas do honesto verbo traballar ou trabajar. O confesor castelán soubo que até despois de moitos anos estivo no erro de que o mesmo era o verbo trebellar, galego, que o trabajar, castelán. E aos penitentes, que tiñan confesado con el, que tiñan trebellado tantas veces, dicíalles que nos días santos só podían trebellar unha hora, mais nos días soltos podían trabellar ad laudes et per horas. Se o tal confesor ouvise a copla galega común: “O crego mais a criada xogaban aos trebelliños, etc.”, entendería o significado (...)

Eu aseguro que se para os curas de Galiza houbese exame do que saben de galego vulgar e desen cabazas aos que non o saben, tería eu menos que persuadir sobre o estudo da lingua galega.