“Mariñeiro destes mares
asegura ben a vida
os piratas dos despachos
pintan rotas podrecidas”
Diplomáticos
de Monte Alto
Mozas e mozos de Galiza!
Eu son, ti es, ela é, vós sodes, elas son, nós somos,
GALIZA!
Marea de xente! Benvidos a terra firme! Que soe a buguina do océano
e que se nos meta Galiza no peito!
Que entre en nós a marea viva da língua, a corrente de vogais do Atlántico
e a maruxia consonántica do Cantábrico!
Hoxe tamén nós somos Mar!
Avante toda!
O Prestige trouxo unha Marea Negra ás nosas costas como a que os
Séculos Escuros trouxeron para a nosa língua. E agora vivimos as consecuéncias.
Somos a primeira xerazón de xente moza na história de Galiza que
pode perder o galego como língua habitual marioritária.
En moitos lugares do país a nosa língua está forte, viva e libre.
Moita xente vivimos en Galiza falando esta língua que escoitamos, dicimos e
escrebemos dia a dia. É o noso temón, o noso motor, a nosa proa.
Mais en moitos outros sítios o galego perde vida. Como unha grande
balea arponeada e ferida polo baleeiro da globalización. Como un peixe
debatendo-se no anzol do uniformismo. Como un gran barco que fose á deriva, sen
governo.
Máis a xente nova temos un dos poderes máis valiosos: PODEMOS
COLLER O TEMÓN, CAMBIAR O RUMBO E MUDAR O FUTURO.
Avante toda!
Recuperemos o prestíxio para a nosa língua.
Limpemos das praias do idioma o petróleo dos prexuízos, da vergonza
e do pasotismo. Fóra!
Nós tamén queremos ser voluntári@s e dar-lle vida á nosa língua
como ás dunas, os coídos e as illas.
Nós tamén queremos ser ecoloxistas da língua, porque sabemos da riqueza
de sermos unha peza orixinal e irrepetíbel no puzle mundial da diversidade.
Nós tamén queremos ter a forza dos mariñeiros e as mariscadoras,
das redeiras e dos percebeiros e viver plenamente no mar do idioma.
Nós tamén queremos ser manifestantes e, coa dignidade como bandeira
azul, exixir-lle
aos governantes todos os medios posíbeis para evitar o naufráxio da
língua.
Porque o governo segue mantendo o noso barco das palabras á
intempérie, á deriva, en perigo.
E nós queremos navegar coa frente ergueita e o rumbo ventureiro
polos mares do futuro:
os medios de comunicación
as empresas,
as administracións,
as telecomunicacións,
as discotecas, os deportes,
e o ensino.
Queremos un Plan de Normalización da Língua ABERTO E PARTICIPATIVO,
de tod@s e para tod@s, construíndo entre
tod@s unha rede de futuro, co nylon da liberdade e a tanza da cultura,
mirando-nos aos ollos sinceramente.
Queremos falar a língua de Manuel António e de Rosalia,
a língua dos Herdeiros da Crus e de Mercedes Peón,
a de Manolo Rivas e a de Saramago,
a do Xabarin e a de Shin Chan,
a de DJ Think e a do Hip hop dos “5 Talegos”,
a língua dos homes e mulleres que desde os barcos e coas suas
próprias mans impediron que o chapapote entrase nas rias,
a língua coa que todos e todas berramos NUNCA MÁIS!
A língua, como o mar...
Son nosos, de quen os
queira, de quen os respeite!
Para ti, que falas máis castelán que galego,
para ti, que falas máis galego que castelán,
para ti que só falas castelán
e para ti que sempre falas galego.
Eu son , ti es, ela é, vós sodes, elas son, nós somos!
A nosa voz vai no vento de
cidade en cidade, de vila en vila!
É a luz do faro máis brillante!
Avante toda!